dijous, 15 de juliol del 2010

A primeira lectura

Editorial Galaxia publica Ollos de auga, novela coa que Domingo Villar inicia a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, un personaxe co que axiña se han familiarizar lectores e lectoras, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humor nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O séu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.

Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa o seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.

1 comentaris:

Daniel Gonzalez ha dit...

Lin “Ollos de auga” o ano pasado e agora gocei da súa re-lectura para o club. Agora que estou a piques de rematar a lectura do segundo caso de Leo Caldas (“A praia dos afogados”) estou de acordo con outros lector@s que a primeira novela é máis sinxela. Máis non penso que os personaxes estean poucos traballados. O “universo Caldas” comeza en “Ollos de auga” e continua medrando en “A praia dos afogados”. Vexo unha continuidade que celebro porque me fai esperar o terceiro caso de Caldas.

Saúdos a tod@s

Publica un comentari a l'entrada

 

Apuntamentos de lectura Design by Insight © 2009