diumenge, 25 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [10 e última]

2 comentaris
RIMG1802puerto

Fotografía 22: Bar Puerto. 3 de agosto de 2009. "No Bar Puerto comíase sobre manteis de papel, aturando un ruido excesivo e, en moitas ocasións, en mesas compartidas [...]" (p. 157) Este é outro dos lugares verídicos, xunto co “Elixio”, que aparece na novela. Aquí si que estiven en máis dunha ocasión, aínda que nunca atopei a Caldas. Gustoume moito o lugar, e tamén que a camareira deste Bar fose quen lle dera ao inspector a idea de novelar o caso que tiña entre mans.

RIMG1804puerto

Fotografía 23: 3 de agosto de 2009. Un exemplar do título fai un cameo neste percorrido de imaxes baseado na súa lectura. Nunha desta ocasións nas que visitei o Bar Puerto, levei comigo un exemplar da Biblioteca Nodal de Vigo que estaba a ler nas vacacións.

Despídome hoxe, con tristura, deste paseo por Ollos de auga. A idea foi nun principio unha curiosidade e con ela só tiña a intención de intercalar algunha imaxe entre os meus escritos sobre libros e lecturas. Quero saudar a todos aqueles que chegaron até este blogue seguindo a pista de Leo Caldas e que seguramente gozaron da primeira novela de Domingo Villar tanto coma min. Até un vindeiro paseo por A praia dos afogados.
;-)

Read more

dissabte, 24 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [9]

0 comentaris
A lei de Lem - Daniel Gonzalez Martin

Fotografía 19: Monte do Calvario. 1 de agosto de 2009. "Deixaron a estación de ferrocarril á esquerda e continuaron ascendendo en caravana cara ao ben chamado calvario." (p. 160). Gústame moito esta rúa desta zona de Vigo. As casas non son altas e a zona en xeral parece conservar dalgunha maneira o ar de como era antes de ser “engulido” pola cidade.

RIMG1751camelias

Fotografía 20: Rúa das Camelias. 1 de agosto de 2009. "É o rapaz que hoxe apareceu asasinado dun disparo na noca nese apartamento da avenida das Camelias." (p. 207). Nesta rúa vivía Orestes Rial. É unha rúa importante e unha das vías dos vitrasa cara o centro da cidade. É tamén a zona da cidade onde “vivo” cando visito Vigo.

RIMG2035

Fotografía 21: Gato no porto pesqueiro. 13 de agosto de 2009. Este gato non ten relación coa novela. Se non lembro mal, creo que Caldas non nomea ningún felino en ningún intre. Podería dicir que me inspirou a timidez e soidade que vexo no protagonista da novela... Pero a verdade é que me pareceu simpático e decidín que aparecería nesta serie do mesmo día que fixen a fotografía. Porque si, sen motivo algún.

Read more

divendres, 23 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [8]

0 comentaris


alameda

Fotografía 17: Feira do libro de Vigo. 20 de agosto de 2009 "Caldas viu, a través do cristal, as nais que falaban na Alameda" (p. 173). Nalgún intre desta serie de fotografías duns poucos escenarios de Ollos de auga recoñecín que visitar a cidade en verán tiña a contrapartida de atopar lugares pechados. Eu non vin as nais das que fala Caldas, pero si que atopei esta feira de libro antigo, que afortunadamente para min, faise no mes de vacacións. Sexa cal sexa a época do ano, Vigo sempre ten algunha cosa boa.

RIMG1603Alameda

Fotografía 18: Edificio Alameda. 20 de agosto de 2009. "Leo Caldas entrou no edificio da Alameda, saudou ao conserxe, subiu apresuradamente a escaleira e empurrou a porta do primeiro andar" (p. 171). Non o sei, pero eu diría que este é o edificio Alameda. Probas a favor desta suposición: a editorial do libro (Galaxia) está na primeira planta e na porta principal do edificio: un E e máis un A ben grandes. Lóxico, non sí? ;-)

Read more

dijous, 22 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [7]

0 comentaris
A lei de Lem - Daniel Gonzalez Martin

Fotografía 15: A Biblioteca nodal de Vigo. 11 de abril de 2009. "Descendeu polo empedrado deixando á dereita a biblioteca universitaria e a casa episcopal". (p. 160). Esta biblioteca é outro gran lugar da cidade. Leo Caldas pasa ao seu carón esta vez, pero para mi é un los lugares onde proverme de lecturas cando estou en Vigo.

RIMG1763colon

Fotografía 16: Rúa Colón. 1 de agosto de 2009. "Subiron no coche pola rúa de Colón" (p. 160). Unha das rúas da cidade que leva até outras rúas tamén céntricas e importantes da zona. Subindo no sentido no que o fai Caldas pasamos por diante de onde estaba hai tempo o bar “Teide”. Este bar é tamén escenario doutra novela viguesa: Sangue sobre a neve, de Manuel Forcadela. Foi ademais o primeiro post deste blogue.

Read more

dimecres, 21 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [6]

0 comentaris
sirenoNoite

Fotografía 13: O Sereo de noite. 8 de agosto de 2009. "Cando o inspector Caldas saíu do Elixio pasaban das nove e media do serán. O sol puxérase, mais o día aínda conservaba luz (p. 103)”. A primeira vez que a vin case que non me fixo efecto ningún. Pero da indiferenza do principio pasei, co paso do tempo, á atracción inevitábel. Agora sempre que paso por esta praza non deixo de botarlle unha mirada, aínda que sexa rápida, a esta escultura. Hai un intre descubrín non só que o seu autor é o escultor e escritor Paco Leiro, senón que os nadadores da estación marítima tamén os fixo el. Se cadra Leo Caldas tamén bótalle unha ollada ao Sereo mentres espera cruzar un paso de peóns ou un semáforo virar a verde.

RIMG1970elixio

Fotografía 14: O Elixio, pechado. 8 de agosto 2009. Pechado! O Elixio non é ficción, é un local que existe de verdade. Como xa dixen visitei Vigo en agosto e por este motivo moitas cousas atopeinas pechadas. Neste caso laméntoo especialmente. Neste lugar faise o mellor polbo da cidade. Son un adicto a este manxar e quedeime coas ganas de probar a receita do Elixio. Da vindeira visita á cidade non pasa.

Read more

dimarts, 20 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [5]

0 comentaris
Lapaman

Fotografía 11: Praia de Lapamán. 18 de agosto 2009. "Malia que non volvera dende neno, Leo Caldas recordaba nitidamente as árbores plantadas na orela da praia de Lapamán." (p. 99). Coa lectura de Ollos de auga descubrín lugares que non coñecía. Un destes é esta praia, de augas mornas (se a comparamos con outras costas galegas), que está en Bueu. Aquí Estévez ten un pequeno altercado coa fauna piscícola da zona. As secuelas deste encontro van traer consecuencias máis adiante no transcurso da historia.

0xeral

Fotografía 12: Hospital Xeral-Cíes. 3 de agosto 2009. "Queren que lles facilite unha lista das persoas que teñen oa formol?" (p. 123). A perspectiva da fotografía non permite recoñecer que este hospital de paredes verdes é unha das torres da cidade. Non souben dende onde facer a fotografía e ao final tiven que me quedar con esta.

Read more

dilluns, 19 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [4]

0 comentaris
gamboa

Fotografía 9: Antigas portas da cidade. 1 de agosto de 2009. “Leo Caldas atravesou a rúa do Príncipe, cruzou a Porta do Sol, e pasou debaixo da arcada que noutro tempo fora unha das portas da cidade vella. (p. 103). Un pouco máis adiante no mesmo parágrafo atopamos a referencia á biblioteca. Isto fíxome pensar que a arcada pola que pasa Caldas é a arcada que aínda existe, a carón da praza Das Artes. Pero na rúa Gamboa semella estar a verdadeira (ou ao menos isto lin nun xornal) antiga porta da cidade. Non sei cal destas información é certa. A miña suposición é que debían existir diversas portas.

oGrial

Fotografía 10: Rúa de Gamboa número 5. 1 de agosto de 2009. “Tomou a canella que levaba á concatedral, foi en dirección oposta ao templo e baixou pola rúa de Gamboa. No número 5 estaba o Grial” (p.104). Unha das limitacións de visitar Vigo no verán: atopar todo pechado. Saber que hai realmente no número 5 desta rúa vai ter que esperar a outra visita. Nesta ocasión puiden engadir outra incidencia ás miñas vacacións: as obras.

Read more

diumenge, 18 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [3]

0 comentaris
concello

Fotografía 7: Concello de Vigo. 7 de agosto de 2009. “O inspector regresaba da comisaría da policía municipal, no edificio do Concello, onde lle entregara ao oficial as follas coas queixas e o rosario de enderezos... [...]” (p.45). O Concello mudou hai tempo do casco antigo a este edificio moderno, cadrado. É unha das torres que destacan na liña do ceo da cidade. Na súa praza, nos dias da festas da cidade, pódese ver cine ao ar libre. Aloxa, efectivamente, as oficinas da Policía Municipal. Aquí reciben Caldas e máis Estévez as broncas do seu xefe.

Rua principe
Fotografía 8
: Rúa do príncipe. 3 de agosto de 2009. “Caldas camiñaba polo empedrado da Rúa do Príncipe, xa sen rastro da actividade frenética dunhas horas atrás” (p.45). Sen dúbida a rúa mais transitada de Vigo, as “ramblas” da cidade: pallasos e músicos na rúa. A min gústame a vista do río de persoas dende a praza das artes.

Read more

dissabte, 17 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [2]

0 comentaris
lagares

Fotografía 5: Desembocadura do río Lagares. 7 de agosto de 2009. “O coche rodeou o enreixado do recinto e encarou encabuxado a curva pechada que a estrada facía sobre a desembocadura do río Lagares” (p.23). Eu xa coñecía grazas a Siniestro Total o nome deste río. É doado ver como a xente pasea pola desembocadura camiñando pola beira da praia de Samil (tamén nomeada, por certo, polo grupo vigués na súas cancións).

A lei de Lem - Daniel Gonzalez Martin

Fotografía 6: O Berbés. 6 de agosto de 2009. “As súas arcadas graníticas, baixo as que se descargara a pesca noutros tempos [...]” Agora moi lonxe da liña de mar, estas casas tiñan hai anos a area ao seu carón.

Read more

divendres, 16 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [1]

0 comentaris

pesqueiros

Fotografía 3: Peirao pesqueiro. 3 de agosto de 2009. “Bordearon o antigo porto do Berbés, onde se iniciara a actividade mariñeira da cidade a finais do século XIX” (p.22). O perímetro do casco urbano de Vigo é un porto continuo. Isto fai que a cidade enteira semelle ser un porto. Na fotografía, modernos barcos pesqueiros descansan antes de faenar.

RIMG1995

Fotografía 4: Estaleiros. 9 de agosto de 2009. “Seguindo a avenida, circularon ante os estaleiros que insinuaban o esqueleto dos buques futuros [...]” (p.22). O contorno da cidade que non é porto son, cara Bouzas, estaleiros. Na imaxe, e rematándose, o buque “Acergy Havila” para unha compañía Noruega.

Read more

dijous, 15 de juliol del 2010

Un paseo por "Ollos de auga" [0]

1 comentaris

canidoPorto

Fotografía 1: Porto de Canido. 11 de agosto de 2009. “A illa que está fronte ao porto de Canido” (p.21) Esta é a referencia que lle dá o inspector Leo Caldas a Rafael Estévez. Nun edificio da illa sucedeu un asasinato.

toralla

Fotografía 2: Illa da Toralla dende a praia. 7 de agosto de 2009. Á esquerda da liña do horizonte, a ponte que chega á illa, no centro da imaxe. Caldas leva anotado o enderezo que corresponde co edificio branco (p.20). Omnipresente na paisaxe desperta en mi sempre que vou a Vigo a mesma pregunta: como sería a vista sen a torre?

Read more

A primeira lectura

1 comentaris
Editorial Galaxia publica Ollos de auga, novela coa que Domingo Villar inicia a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, un personaxe co que axiña se han familiarizar lectores e lectoras, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humor nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.

Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O séu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.

Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa o seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.
Read more
 

Apuntamentos de lectura Design by Insight © 2009